Saturday 11 de May de 2024

O Concello realiza un investimento próximo aos 400.000 euros no acondicionamento de 350 prazas de aparcamento


Concluíron os traballos de pavimentación e sinalización en cinco áreas urbanas e comezaron os de creación dun estacionamento para vehículos pesados en Bértoa

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 397.105,22 euros no acondicionamento dunhas 350 prazas de aparcamento. Na súa maior parte están situadas na zona urbana, nas proximidades de zonas comerciais e/ou de servizos; pero, dentro da política municipal de favorecer a actividade económica mediante infraestruturas e servizos como os estacionamentos, tamén se dá resposta a unha vella demanda coa creación dun espazo para vehículos pesados no polígono industrial de Bértoa. O alcalde, Evencio Ferrero, realizou nos últimos días un percorrido por algunhas destas áreas.

O novo aparcamento para remolques e semi-remolques de Bértoa ocupa unha parcela municipal de 4.200 metros cadrados situada xunto ao complexo deportivo das Eiroas, e que, como ocorre na zona urbana, xa viña sendo utilizada polos vehículos pesados. Coa obra en marcha habilitaranse 42 prazas.

O obxectivo da actuación que executa a empresa Vázquez y Reino é dotar o estacionamento das condicións axeitadas para ese tipo de uso, tanto no que se refire ao tipo de firme como á accesibilidade. Neste sentido, as obras implican a retirada de varias árbores, que serán substituídas por unha nova franxa vexetal na que se plantarán 25 arbustos autóctonos e 25 freixos. O proxecto complétase con outras melloras, como a instalación de varios sinais, a substitución da actual barreira de acceso situada na rúa Cobre, que está en malas condicións, e a instalación de dúas novas na rúa Zinc, contribuíndo deste xeito a mellorar a seguridade nas dúas fases do polígono.

En canto aos estacionamentos urbanos, coa sinalización horizontal e vertical conclúen as obras de acondicionamento de cinco espazos urbanos que xa viñan sendo utilizados como aparcadoiros, pero que agora, despois das obras de explanación, colocación de sumidoiros, gabias e pavimentación con aglomerado, poderán ser utilizados dun xeito máis intenso e ordenado, grazas ao pintado das prazas, e mesmo con maior seguridade, grazas á instalación de luminarias onte era preciso.

A empresa Excavaciones y Obras Candal acondicionou máis de 8.000 metros cadrados de superficie, creando unhas 320 prazas distribuídas en cinco aparcadoiros situados xunto ao Pazo da Cultura, ao Fórum Carballo, á Biblioteca Rego da Balsa, na parcela dos antigos depósitos de auga do Chorís e no cruce das rúas Río e Xirona.